“O sorriso da lúa” é un proxecto fotográfico có obxectivo de compartir unha experiencia e unha realidade. É froito dunha viaxe na que puiden descubrir a beleza dun país sincero, onde un sorriso sae sempre do corazón.

Compartir un anaco da miña experiencia, provocar no observador unha emoción, sexa cal sexa, sen xuzgar nen condenar ningunha reacción.

Dende a natureza salvaxe das súas terras, onde os grandes mamíferos impresionan ao viaxeiro, ata a abraiante enerxía das súas xentes, Kenia é un país que cambia a todo aquel que o percorre.

Tiven a sorte de coñecer, ademais, un proxecto fermoso e altruista, dando sentido a realizar esta exposición.

NAMELOK NARETOI: compartindo o éxito

Na cultura tradicional masai, nacer cunha discapacidade física ou mental era, ata non hai moito tempo, considerado unha maldición. Este pobo nómada non dispoñía dos medios nin dos coñecementos para garantir a integración dos nenos con algun tipo de discapacidade. Durante moito tempo foron agochados, abandoados ou no peor dos casos asasinados.

En 1991 creouse a Asociación de Pais de Nenos Discapacitados de Loita, colectivo que ata o día de hoxe leva axudado a máis de 150 nenos masais, dos cales a maioría levan actualmente unha vida completa e feliz.

Foi gracias a Franciska, directora do centro, que coñecimos o seu proxecto. Contactamos a través de AirBnB e facilitounos toda a información para poder chegar ata o pobo onde teñen o centro de acollida “Namelok Naretoi: sharing success”. Trátase dun centro situado en Entansekera, no distrito de Narok, un pequeno pobo na montaña do territorio masai, moi cercano á fronteira con Tanzania. 

A única maneria de chegar ata el é atravesando centos de kilómetros de sabana deserta. Alí, unha carretera chea de buratos pode aillar a calquera 4×4 con catro pingas de auga. Esta dificultade de conexión fai complicado todo tipo de asistencia médica, facendo que conseguir recursos básicos sexa lento e caro.

Franciska é enfermeira de profesión e leva varias décadas traballando no proxecto. Ao seu carón ten un pequeno equipo de xente comprometida e convencida de que é posible e necesario axudar a cada neno que se achega ao centro.

Ata fai uns anos dispoñían da financiación da ONG Lilian Foundation, pero debido á crise económica deixaron de financiar o centro “Namelok Naretoi”, quedando nunha situación precaria e cun futuro incerto.

Debido ás constantes sequías que sofre esta rexión de África, cada vez son máis frecuentes os casos de malnutrición en mulleres embarazadas, aumentando o número de recén nacidos con malformacións físicas. A existencia dun centro como Namelok Naretoi, onde os rapaces poden rehabilitar as súas capacidades psicomotrices (no caso de malformacións físicas) e desenrolar as súas habilidades sociais (no caso de discapacidades psíquicas) é de vital importancia.

Actualmente, o centro acolle a uns 30 nenos de entre 3 e 12 anos, costeando tanto a súa manutención, como os gastos de transporte e escolarización.

A forza de Franciska ao falar do proxecto, a súa positividade ante unha situación económica extrema, e a súa extraordinaria sensibilidade, motivaron a creación desta exposición.

Por iso, o 50% dos beneficios recaudados co “O sorriso da lúa” será destinado integramente ao centro “Namelok Naretoi: sharing success”, para que cada día eses nenos poidan xogar e sorrir, para que poidan ter unha vida digna como tod@s, sendo integrados na sociedade e deixando de considerarse maldicións.

Porque, tal e como Franciska nos dixo:

Disability is not inability

(Discapacidade non é incapacidade)