Cando era pequena encantábame escribir en libretas usadas todas aquelas ideas tolas que se me pasaban pola cabeza. Fascinábame observar aos animais e estar ao aire libre. Experimentei coa fotografía por primeira vez por medio das cámaras dun só uso que meus pais me compraban para as excursións do colexio.

Cos anos moitas cousas mudaron, sen embargo a miña paixón pola natureza, por escribir e por observar o mundo a través dunha lente seguen intactos.

A miña paixón por viaxar levoume a descubrir novas terras, empapándome doutras culturas que me converteron na persoa que agora son. Destinos que me seguirán cambiando.

Cada lugar que coñezo, e cada cultura, apórtame imaxes únicas e fai brotar historias para min irrepetibles.

A intención deste espazo non é mais que a de compartir unha parte da miña arte, unha parte do meu ser. Non pretendo nada máis que provocar unha reacción no observador, no lector e na alma.

Podería definirme de moitas maneiras, expoñer o meu curriculum e a miña traxectoria profesional, e o impacto sobre aqueles que visiten este espazo non sería diferente.

O importante non é quen son eu, podo ser o que cada un queira, escritora, bióloga, fotógrafa, artista… O importante é aquelo que desperta en vos, cada perspectiva, cada emoción.

Porque nengunha ollada será xamais idéntica a outra.

Agardo que o desfrutedes.

 

Nuk López